Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Ponte Veteri foi o nome con que se coñecía a actual Pontevedra, debido ao estado ruinoso e vello que ofrecía a primitiva ponte do Burgo despois do s XII, cando se construeu a nova ao seu carón

Camiño de peregrinación portugués a Compostela

 

 
A presenza da tumba do apóstolo Santiago en Compostela exerceu en toda Galicia un forte influxo. Se hai algún elemento que vertebra todo ese pensamento é o camiño de Santiago e as súas diferentes variantes, que penetran por todos os recunchos de Galicia. O Camiño francés, o Camiño inglés, a ruta da Plata e o Camiño portugués artellan toda esa rede de lugares polos que o fiel transita xa non só en busca de amosar a súa fe, senón para ter a experiencia que supón percorrer unha desas vías.
 
Pontevedra atópase de cheo no percorrido do Camiño portugués a Compostela, sendo final e principio dunha das etapas que propón a 'Asociación de amigos del Camino portugués a Santiago', agrupación fundada en 1993 para reivindicar a importancia desta vía de peregrinaxe e que en 1999 inaugurou na cidade un albergue de Peregrinos. 
 
A súa proposta parte de Coimbra, onde se atopa enterrada a raíña Isabel, coñecida como a raíña Santa, que peregrinou a Compostela. As etapas a cubrir serían as seguintes: Porto- Vilarinho (27 km.), Vilarinho-Barcelos (28 km), Barcelos-Ponte de Lima (32 km.), Ponte de Lima-Rubiaes (17 km.), Rubiaes-Tui (23 km.), Tui-Redondela (30 km), Redondela-Pontevedra (21 km.), Pontevedra-Caldas de Reis (22 km.), Caldas de Reis-Padrón (21 km.) e Padrón-Santiago de Compostela (22 km.).
 
Este percorrido fermosísimo polas súas paisaxes entra na nosa cidade por Ponte Sampaio, A Canicouva, Tomeza e o lugar de O Marco, onde a poucos metros se atopa o albergue. O percorrido urbano iníciase polo Gorgullón, a rúa Virxe do Camiño e a rúa Peregrina ata a praza ante o santuario da propia Virxe Peregrina para logo saír pola antiga porta de Trabancas cara os soportais da Ferrería, a praza de Curros Enríquez, a rúa Real, a praza de Valentín García Escudero, cruzar a ponte do Burgo e, xa en Lérez, coller a rúa da Santiña e saír por Alba. Dende o Ano Santo de 1999 uns puntiños de luz azul marcan no propio chan o percorrido que atravesa o casco histórico de Pontevedra, no que aínda se conservan uns azulexos azuis coa cuncha do peregrino en amarelo que van sinalando todo o percorrido en todo o camiño.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 28.10.2011 polo Concello de Pontevedra.