Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Teatro Principal e Liceo Casino edificáronse no solar de San Bartolomé O Vello, destruída en 1842

Busto de Manuel Quiroga

O noso violinista máis sobranceiro está constantemente mirándonos, coa súa mirada ensimesmada, chea de forza, de pulo por facer co seu violín a música que o levou por todo o mundo. Francisco Asorey, un dos grandes escultores galegos, fixo un busto del que dende 1949 está instalado nos Xardíns do Doutor Marescot, fronte ó ambulatorio. Alí repousa a efixie de Manuel Quiroga. 

 
O monumento, sinxelo, un busto sobre unha pilastra e un fondo de granito, e na parte inferior a súa data de execución. Sobre ela, o seu rostro. Vemos como Francisco Asorey tiña ben estudada a fisionomía de Manuel Quiroga, a quen seguramente coñeceu, xa que son da mesma xeración e curiosamente coincidiron na data da súa morte. 
 
O traballo nesta peza corresponde á etapa final da súa vida, na que se plantexa un neohumanismo -en palabras de Ramón Otero Túñez- en que se lle devolve a presenza ó ser humano, sen adornos, nen distraccións. O realismo é evidente, acrecentado polos efectos do granito labrado sen concesións, destacando o momento interior do homenaxeado. A musculatura do pescozo, as concavidades dos ollos, os pómulos marcados son quen de xerar no espectador esa sensación de vida, de captación dun instante dun creador, dun xenio.
 
Manuel Quiroga foi o grande músico desta cidade, nacido na rúa que agora leva o seu nome. En xullo do ano 1903 terá lugar a súa primeira aparición pública no Café Moderno, amosando á prensa local a necesidade de que que o rapaz continúe os seus estudos dada a súa precoz mestría. Ingresa no Conservatorio de París, onde permanece os dous anos seguintes. 
 
En 1911 logra o primeiro premio de violín do Conservatorio, sendo o segundo español en acadalo tras Pablo Sarasate. Este triunfo será o pulo definitivo á súa carreira, a prensa española empeza a falar del e o recibimento en Pontevedra foi inesquecible, con comercios pechados, arcos na súa rúa e conducido a ombros.
 
Pero a súa sorte mudou en 1937, un accidente de tráfico apartouno da súa paixón. Dende esa data ata a súa morte o seu declive físico e mental só tivo refuxio na composición musical e nas súas dotes para a pintura.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 22.10.2011 polo Concello de Pontevedra.