Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O Museo de Pontevedra ten importantes coleccións de acibeches composteláns e cerámica popular galega, así como de Sargadelos

Balneario do Lérez

 

Reflexo doutra época, resto dun gran pasado. Esta pequena construción nun dos fermosísimos salóns do Lérez é o único que nos queda do gran complexo termal que a orelas dun Lérez limpo, a principios do século XX supuxo un gran reclamo para os visitantes e os propios pontevedreses. O 22 de agosto de 1906 inaugurouse o rutilante Balneario de Pontevedra, no que o fillo de Viascón (Cotobade) Casimiro Gómez investiu parte da súa fortuna feita na emigración en Bos Aires. 
 
En Pontevedra mercou moitos terreos que logo cedeu á cidade, como o do actual Colexio de Barcelos ou onde se atopa o cuartel da Garda Civil. Tamén creou un lavadoiro público en A Seca, o primeiro con luz eléctrica, ademais de participar en numerosas actividades benéficas no Hospicio ou no Hospital Provincial, como recolle Mª Cristina Echave Durán no catálogo dunha exposición feita sobre o Balneario polo Museo Provincial. En 1900 o industrial acomodouse en Monte Porreiro coa compra dos terreos onde sitúa a súa residencia, 'Villa Buenos Aires', onde conservou o nome da cidade que o fixo medrar economicamente.
 
Unha enorme propiedade chea de paisaxes idílicas, camiños e explotacións agrícolas. Algo que tivo especial repercusión para a vida social local foi a construción dun balneario, así como a explotación de dúas fontes que manaban unha auga sulfurosa, especialmente recomendada para afeccións artríticas e do aparato dixestivo. Hoxe en día son pequenos restos o único que queda daquel envexado espazo, que chegou a rivalizar con outros complexos deste tipo na provincia como o de Mondariz ou o de A Toxa. 
 
O motivo que chama a nosa atención é un pequeño quiosco ou terraza, baixo a cal se atopaba unha das dúas fontes do complexo. Ésta chamábase Monte Porreiro, e a outra, situada máis arriba, recibía o nome de Aceñas. Ó seu carón erguíase o edificio central do Balneario, unha edificación moi vertical con dúas plantas e profusión de ventanais cara o río e un dos seus salóns. Xunto coa función termal o empresario decidiu apostar pola venda de auga embotellada, declarada de utilidade pública en 1904.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 12.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.