Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

Unha parte importante do museo ocúpase da historia marítima, o gremio de Mareantes e mariños pontevedreses, como os irmáns Nodales ou Pedro Sarmiento de Gamboa

Arcadas do Mosteiro de San Salvador de Lérez

 

Enmarcado nun contorno idílico, con vistas sobre o Lérez e a cidade, o Mosteiro de San Salvador de Lérez érguese con forza dende o seu privilexiado lugar elevado para presentarse ante nós como un espazo de culto relixioso pero tamén de grande importancia artística e cultural. A súa visión dende as marxes do Lérez o dende un dos extremos da Illa das Esculturas amosa un templo dunha enorme fermosura e crea unha das estampas máis idílicas do noso contorno urbano.
 
Fundado polo abade Guntado, este mosteiro benedictino foi dotado ricamente no ano 916 polo rei Ordoño II e a súa dona, Elvira. En 1113, Diego Gelmírez, primeiro arcebispo de Compostela, consagrou como bispos neste mosteiro a Munio Alfonso e a Hugo, autores da 'Historia Compostelana'. En 1129 o rei Afonso VII concédelle un privilexio que o libra de pagos fiscais e en 1540 uniuse a San Benito el Real de Valladolid, establecéndose nel un colexio de Humanidades e Filosofía, no que cursaron estudos nomes tan sobranceiros como os dos pais Sarmiento e Feijoo. 
 
Entre 1702 e 1707, o Padre Feijoo impartiu clases ós futuros monxes, entre eles un rapaz de dez anos que ó parecer destacaba nos estudos de Gramática. Ese rapaz sería ordeado en 1710 co nome de frei Martín Sarmiento. Artisticamente a maior parte da construción que ata nós chega é de fábrica barroca. Só algún elementos aillados responden ás épocas anteriores do mosteiro, como inscricións ou sillares con trazos medievais. Do claustro do século XVI consérvase unha ala, a máis próxima a igrexa, así como unha porta cun arco conopial.
 
De fonda veneración na cidade son as dúas celebracións que no santuario teñen lugar na honra de San Bieito. Unha a finais do inverno e outra a comezos do verán, son un incensante ir e vir de romeiros que se achegan ó santo a pedir os seus favores, moi activos, ó parecer, na cura de verrugas ou lunares, para os cales é preciso aplicar o aceite que se queima en varias da súas lámparas. Durante a celebración do San Bieito de verán, festivo local na cidade, a xente acostuma a desprazarse provista de empanadas e as máis suculentas viandas ata os espazos próximos.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.