Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

A igrexa do Convento de Santa Clara é da segunda metade do S XIV, de estilo gótico, con reformas posteriores e varios retablos barrocos

A terturlia na Praza de San Xosé

 

Pontevedra ten na tertulia un dos seus sinais de identidade. Famosas foron as tertulias dos Muruais, as de Manuel del Palacio, Concepción Arenal, de Perfecto Feijoo ou do propio Café Moderno. A cidade quixo renderlle homenaxe cun monumento sobre ela, realizado polo escultor César Lombera, baseado no verismo da representación e na participación do espectador dentro da peza. 
 
A escultura encargada pola Fundación Caixa Galicia está ubicada diante do Café Moderno. A música de Manuel Quiroga encheu os mellores escenarios do mundo e é a mellor para que os demais se fundan na arte da conversa. Ramón Cabanillas recita os seus versos reivindicando a necesaria concienciación do labrego e achegándose a unha creación fabularia reinterpretando as lendas máis vernáculas. Valentín Paz Andrade está atento. 
 
Asiduo ás tertulias do Café Moderno, a súa condición de periodista obrígao a tomar notas para a súa biografía de Castelao, ó que substituirá dentro do Partido Galeguista, partido que fundaron en Pontevedra en 1931 Alexandre Bóveda e o mesmo Castelao, ambos parecen discutir sobre a exención de impostos dos pequenos propietarios de terras, ou de cómo o Estatuto de Galicia debería acadar máis autonomía para o ben do país. 
 
Castelao non logra seguir o apaixonado discurso fiscal de Bóveda, convencido da necesidade dun imposto único a favor da Facenda Galega, polo que decide cambiar de conversa e coméntalle o encargo que lle fixo o gran Valle-Inclán para elaborar os decorados de Divinas Palabras. Bóveda asinte, e recorda uns panos anteriores que Castelao fixera para a Coral Polifónica de Pontevedra, da que el tamén foi integrante. 
 
Entre músicas, debuxos, poemas e políticas a tarde vai caendo e Carlos Casares non deixa de refregar uns ollos chispeantes ante o que están vendo, el que busca o momento de presentarlles os seus textos, o seu Vento ferido, pero aínda máis que iso quérelles falar de cámaras de fotos, de trenciños eléctricos, de gatos e de mazás. A fin e ó cabo nas tertulias comezas a falar de cousas moi serias e acabas falando do sinxelo que ten a vida. Que é o realmente importante.
 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 17.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2011 polo Concello de Pontevedra.