Olladas de Pontevedra

Pontevédrate...

O Pazo de Mugartegui é unha fermosa edificación dos séculos XVII e XVIII, un exemplo arquitectónico urbano do barroco galego

Guerreiro celta na rúa Juan Novás

 

Nun recuncho da rúa Sarmiento na traseira do Edificio García Flórez, créase un dos espazos máis fermosos do noso casco histórico, formado polo lateral dese edificio e as escaleiras da rúa Juan Novás. Alí, xunto a un antigo canón, está ubicada unha escultura que forma parte do propio museo. É un Guerreiro Celta, unha mostra da nova escultura do século XX e unha das pezas máis importantes no lento proceso renovador do clasicismo escultórico que se viviu en Galicia nas primeiras décadas do século pasado.
 
A peza, obra de Narciso Pérez Rey, representa un dos momentos máis interesantes da nosa estatuaria, lonxe do exitoso camiño iniciado polo seu conveciño Francisco Asorey, baseado no realismo e na explotación dos tipos rexionais. O noso protagonista, pese a súa prematura morte, deixou exemplos dun novo xeito de afrontar a escultura.
 
Obtivo unha bolsa da Deputación Provincial e marchou a Madrid onde se matriculou na Academia de Bellas Artes. Alí coñeceu a escultores como Emiliano Barral ou Pérez Mateos; ambos plantexaban o abandono do academicismo en virtude da renovación impulsada polo cubismo e a súa liberdade de formas, prestando especial atención a esas formas primitivas. O arcaísmo escultórico ve nestes momentos un rexurdir e cada artista buscará a inspiración no seu legado cultural.
 
1928 é o ano no que labra o Guerreiro Celta. Dende a imaxe real dun amigo seu o artista configura o seu gran legado, que de non ser pola súa morte chegaría a ser unha gran carreira escultórica. Esta interpretación da tradición, do elemento primitivo, evoca a recuperación da nosa cultura. Este aprecio polo arcaico xenera unha peza solemne, pechada en si mesma, capaz de transmitir un momento íntimo de reflexión do guerreiro quizais tras afrontar a supervivencia dun combate, ou realizando unha pregaria nun momento previo á loita.
 
O tratamento da pedra, capaz de producir luces e sombras que completan o modelado clásico, no que non se descoida ningún dos puntos de vista, engrandece a peza, que destaca tanto pola súa calidade no tratamento do espido como polo escudo ou a espada que a complementan.
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 13.12.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 20.10.2011 polo Concello de Pontevedra.