Pontevédrate...

O Convento de Santa Clara edificouse extramuros, na parte exterior da porta de Santa Clara, no Camiño de Castela

O abastecemento de augas

 

En 2008 celebrouse a exposición “Dá de beber a quen pasa”, unha pequena historia do abastecemento de auga a Pontevedra, na que se recollen os momentos máis importantes da relación entre a auga e a cidade, xestionada por Aquagest, a empresa xestora deste importante servizo público urbano.

 

 

Esta páxina reflicte o contido desa exposición, de importante valor documental para curiosos e estudosos.

 

 

 

 

A ANTIGÜIDADE

 

Escavacións arqueolóxicas e estudios diversos efectuados ao longo do presente século poñen de manifesto que alá polo ano 134 da nosa era, o lugar que actualmente ocupa Pontevedra era vía de paso da XIX calzada romana, construída en tempos do Emperador Hadriano, que unía Bracara Augusta (Braga, Portugal) e Lucus Augusta (Lugo) con Astúrica (Asturias).

Estudios recentes veñen de testemuñar neste enclave a existencia dunha antiga mansio romana á que algúns escritos denominan Turoqua, lugar de descanso para viaxeiros e camiñantes, e edificación anexa a unha ponte que cruzaría o Lérez unindo ambas marxes da calzada.

Aínda que moi probábel -e ata lóxico- pensar que o conxunto de edificacións propias deste período dispuxese dunha fonte ou outro tipo de canalización de auga para consumo humano, a súa existencia non foi testemuñada en ningunha das prospeccións arqueolóxicas efectuadas ata a data, o cal invita, cando menos, a tomar con certas reservas calquera afirmación que manteña a existencia deste tipo de infraestructuras para o período descrito.

A falta de novas probas en contrario, a vella Turoqua, xerme primixenio da futura Pontevedra, carecería por tanto do que actualmente entendemos como abastecemento de auga potábel, agás nas súas manifestacións máis simples.

 

 

OS TEMPOS ESCUROS, A IDADE MEDIA (I)

 

Abandonada e esquecida tras a crise do Imperio Romano e a posterior invasión dos Suevos, o antigo emprazamento será rehabitado de novo durante o século XIII (1169), pasando a denominarse Pons Vetera (Ponte Vella) e posteriormente Pontis Vetera e Ponte Vetera, en clara alusión á vella ponte de orixe romana.

Auspiciada polo Arcebispo de Santiago, na Alta Idade Media comeza a conformarse unha pequena cidade-fortaleza. Neste tempo edifícase a igrexa de Santa María e as torres arcebispais. Favorecidas tamén polo cabido compostelán instalaranse na vila tres ordenes mendicantes: San Domingos, San Francisco e Santa Clara.

Entre tanto, a villa burguensis que se está a conformar irá crecendo e amurallándose. 

A primeira e máis remota referencia a un abastecemento de auga (1420) alude aos PP. Franciscanos como descubridores dun manancial nas inmediacións de San Amaro (Fonte dos Frades), dende o que canalizan a auga cara ao seu convento. Catro anos máis tarde unha segunda derivación partirá cara o de Santa Clara. Durante moito tempo, este será o primeiro formencemento privado de augas da vila.

Pola mesma data, e dende o alto da Fracha discorría un caudal que desaparecía preto das inmediacións da ermida de San Itario (actual nó de O Pino) e que, rodeando ás murallas, emerxía de novo ao seu carón formando un estanque do que recollía a auga a veciñanza.

 

 

OS TEMPOS ESCUROS. A IDADE MEDIA (II)

 

No século XV existen catro fontes públicas que abastecen de auga á cidade: a dos Tornos, a de Santa Clara, a da Moureira e a Fonte do Corvo. Algúns veciños dispoñen no seo dos seus inmobeis de pozos dos que se fornecen durante todo o ano.

Recoñecendo a enorme importancia do abastecemento, da que e responsábel e administrador, o Concello estabelecerá unha política encamiñada a perseguir a todos aqueles individuos que fagan derivacións clandestinas dos “canos da auga” cara ás súas casas ou fagan buratos a menos de cinco metros daquelas.

A falta dun sistema de saneamento urbano, boa parte da veciñanza disporá de canos de desaugadoiro nas vivendas, dende o que verten directamente ás rúas a auga sobrante, xunto cos ouriños e restos fecais. Co fin de manter unha hixiene mínima, o Concello estabelecerá estrictas normas para este tipo de verteduras á rúa.

En 1467, durante a Revolta Irmandiña que fará tremer Galicia dunha a outra punta, en Pontevedra os sublevados atacan, queiman e destrúen parcialmente as torres arcebispais. Os ataques abranguen tamén o convento de San Francisco, destruíndo boa parte da edificación e, con ela, o vello entubado de abastecemento.

 

 

O AUXE DEMOGRÁFICO ECOMERCIAL DA VILA (S. XV-XVII)

 

Nos albores da modernidade, Pontevedra dispón -como xa quedou anteriormente dito-, de catro fontes públicas. Daquela, a vila terá medrado extraordinariamente polo auxe do comercio, a construcción naval, a salgadura, a agricultura, a pesca e a artesanía.

A cidade medra, expándese lentamente á outra beira do Lérez, e pronto o antigo sistema de abastecemento de auga vaise mostrar insuficiente para atender as necesidades da veciñanza.

Atendendo esta demanda, o Concello ordenará a construcción de dúas novas fontes de xeito, tamaño e traza semellante ás de Caminha e Viana, na veciña Portugal: a fonte da Ferrería e a de San Domingos.

A actitude do Concello cara ao abastecemento de augas continuará a vella política de arranxo, mantemento, ampliación e conservación de toda a rede de fontes e entubados. Documentos de época poñen de manifesto a preocupación das autoridades polo roubo do líquido elemento, perseguindo e castigando severamente as derivacións clandestinas dos entubados, e penando os propietarios que dean de beber as bestas nas fontes públicas.

 

 

AS FONTES DA FERRERÍA E DE SAN DOMINGOS

 

A nova máis remota que alude á futura construcción destas dúas fontes aparece reflectida nun documento de 1549, data na que un veciño do Porto, chamado Joâo Lopes, proponlle ao Concello a idea da súa construcción. 

O encargo recae sobre Domingos Fernandes. Como emprazamento ideal, os munícipes proporán a Praza da Ferrería para a primeira delas, e o Campo de San Domingos para a segunda.

En 1558 as obras aínda non remataran. O mestre canteiro alegará insuficiencia de caudal para xustificar o seu atraso. Entre tanto, os traballos de pedra estaban aínda a medio facer. E así han seguir ata anos máis tarde, cando á morte de Domingos Fernandes, un novo mestre reciba o encargo de rematar o traballo.

En 1788, roto o remate e coas tubaxes en mal estado, o Procurador Síndico e o fontaneiro municipal iniciarán as obras de arranxo. No proxecto participan, ademais destes, os veciños da vila D. Pedro de Moldes, mestre escultor; D. Alberto Antonio Rial, ferreiro, o latoeiro ; D. Francisco Guilarde e o pintor D. Francisco de Silva.

Un ano despois rematan os traballos. E espléndida, a fonte permanecerá ata 1857, cando o arquitecto municipal ordene o seu desmantelamento e traslado ao campo do Conde da Peña do Mouro.

En 1894, a fonte será obxecto de interese por parte da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, quen decide trasladala ás ruínas de San Domingos. E alí permanece ata 1928, cando recuperada a idea de situala nunha das prazas principais da vila, a fonte sexa reconstruída e situada no punto onde actualmente adoitamos vela.

 

 

MUÍÑOS, LAVADOIROS E CASAS DE BAÑOS

 

Avanzado o século XIX, e seguindo as últimas tendencias económicas e os recentes achados médicos, en Pontevedra imporase unha corrente hixienista que vai repercutir directamente na planificación urbanística, e na hixiene e mentalidade das persoas.

Seguindo este novo modelo, Pontevedra acomete da man de Rodríguez Sesmeros a construción de numerosos edificios, amplía as prazas e inicia o estudo de novos proxectos para o abastecemento e saneamento da poboación. En distintas rúas instalanse aseos públicos, mudan de emprazamento algunhas fontes e constrúense outras novas, como a de estilo clásico proxectada para a praciña do Peirao.

A cidade conservará moitos dos seus vellos muíños, nos que de cotío, séguese a traballar. Nas beiras dos ríos constrúense tamén novos lavadoiros, algún deles de pago, como o de Peilán, no que as mulleres aboan unha cota variábel en función do posto que ocupan.

Con todo, moitas das vellas fotografías deste tempo remítennos a mulleres, mozas e nenas traballando ás beiras de pequechos regatos, preto dos muíños e expostas permanentemente ás inclemencias do tempo.

Será tamén o tempo do fin das vellas Casas de Baños que, dende a Idade Media servían de aseos públicos á veciñanza. A derradeira delas, construída na Moureira de Abaixo deixará de funcionar ao inicio da Guerra Civil, cando o exército sublevado se faga co local, estabelecendo nel un cuartel, un almacén e cortes para as bestas.

 

 

O PRIMEIRO PROXECTO DE ABASTECEMENTO Á CIDADE

 

En 1883, D. Alejandro Rodríguez Sesmeros presenta á corporación municipal o primeiro proxecto moderno de abastecemento de augas para Pontevedra. O estudo baséase na ampliación do caudal subministrado á cidade mediante a construcción nas inmediacións de San Amaro dun depósito dende o cal, mediante unha tubaxe de ferro distribuirase a auga cara ás principais fontes públicas.

En 1886, e coa obra aínda sen rematar, o Concello autoriza á Comisión de Policía Urbana a adquirir catro novas fontes de ferro. O encargo recae sobre o coñecido empresario vigués D. Antonio Sanjurjo Badía, propietario da fábrica de fundición La Industriosa, quen vai contactar cunha fundición francesa á que solicita o envío de dúas unidades.

Recibido o pedido, os talleres vigueses construirán tres modelos idénticos aos entregados, engadindo a cada un deles pequenas modificacións de menor envergadura. 

En Febreiro de 1887, catro delas serán instaladas e conectadas á rede xeral de distribución na Praza de San Román (act. Curros Henríquez), na Praza de Méndez Núñez, na Peregrina, e na Praza do Pescado (act. Praza de Celso García de la Riega).

Andado o tempo, unha delas mudará provisionalmente de situación, emprazándose na Praza do Teucro. Outras dúas serán arranxadas e rehabilitadas en data recente (2001), engadindolles varias pezas de nova factura. 

Respecto da quinta fonte, nunca se soubo do seu paradoiro.

 

 

NOVOS TEMPOS, NOVOS PROXECTOS

 

Á medida que a cidade vaia medrando en poboación e densidade urbanística, a provisión de caudal prevista en 1883 polo enxeñeiro Rodríguez Sesmeros irase manifestando claramente insuficiente para satisfacer as necesidades da veciñanza.

Co fin de solucionar este problema e o relativo á rede de sumidoiros, varios enxeñeiros presentarán ao Concello distintas propostas, todas elas de ampliación da rede existente.

En 1903, o enxeñeiro D. José Bosch Atienza proporá unha nova ampliación da rede de abastecemento, ideada para recoller por elevación as augas do Lérez, distribuíndoas polas rúas mediante unha nova e moderna rede construída con este fin. Unha vez executada, a obra subministrará 200 litros de auga por persoa e día.

De Bosch Atienza será tamén a autoría dun proxecto de ampliación da traída de augas e rede de sumidoiros (1911), que prevé a construción dunha rede periférica circundante ao centro histórico, dende a que partirán centos de ramificacións cara á totalidade de rúas e prazas. Este proxecto inclúe un novidoso e moderno sistema de sumidoiros no que o enxeñeiro analiza ata os máis pequenos detalles, incluíndo mobiliario urbano e inodoros para o interior das vivendas. A este estudio seguirán outros novos, ampliación dos existentes, como os de saneamento executados entre 1922 (Soriano) e 1926 (Salgado)

En 1928 constrúese o depósito do Lérez, que recibe as súas augas dos mananciais do Acival, e o encoro do Pontillón do Castro.

 

 

AUGAS LÉREZ

 

Principiado o século XX, D. Casimiro Gómez, emigrante retornado da Arxentina, adquire uns terreos nas ladeiras de Monte Porreiro. Dentro deles non ha tardar en descubrir dous mananciais de auga de excelente calidade que, sometida a análises fisicoquímicas, amosará posuír unhas calidades extraordinarias para o tratamento dos trastornos e enfermidades do aparato dixestivo, hepático, renal e urinario.

Entre 1904 e 1906, Villa Buenos Aires -como así se chama a finca- irase transformando nun luxoso balneario que contará cunhas modernísimas instalacións dotadas de paseos, labirintos, áreas de lecer e unha vía de comunicación directa coa cidade: a avenida de Bos Aires.

Para dar a coñecer as calidades mineromedicinais das súas augas, Casimiro porá en marcha unha enorme actividade publicitaria, repetindo unha e outra vez nos medios o coñecido slogan: “Cada gota de aguas Lérez es una gota de oro para la salud”

Esta estratexia permitiralle incrementar enormemente a demanda, distribuíndo as súas augas a boa parte do occidente europeo e á outra beira do Atlántico.

Ao balneario asistirán decotío persoeiros da vida política, social, económica e cultural da vila, así como autoridades da vida pública nacional e internacional. Durante un tempo, ata os propios Reis de España beberán Augas Lérez.

Porén, a feroz competencia doutros balnearios mellor preparados, de máis sona e máis de moda, acabarán por eclipsar lentamente o outrora imperio de Casimiro Gómez, e con el, o de Augas Lérez, o único balneario con que nun tempo contou Pontevedra.

 

 

PROBLEMAS, PROBLEMAS, PROBLEMAS…

 

En 1933, o servizo de abastecemento e saneamento de augas de Pontevedra está en mans do Banco de Crédito Local, quen ten asumida a xestión de xeito directo. Será esta unha etapa de execución de moitas obras de pequena envergadura e de reaxustes de xestión interna e regulamentación.

Aprobaranse as Ordenanzas para a subministración de auga potábel á poboación e xurdirán propostas en relación co estabelecemento ou non dun mínimo de consumo, a aprobación dunha taxa de mantemento do parque de contadores, e coa xestión de recibos impagos.

No seo do Concello, xurdirán acalorados debates en relación con estes asuntos, e respecto de determinadas actuacións que non se están cumprindo. A débeda municipal irá medrando cada vez máis, sen que as execucións de moitas obras teñan visos de rematar.

As discusións rematarán en 1934 coa dimisión de varios concelleiros e co fin da xestión privada do servizo, que volverá de novo a mans municipais.

Non ha pasar moito tempo ata que a Guerra Civil convulsione a nación. En Pontevedra, ao igual que acontece en toda Galicia, rexístranse as primeiras execucións, os paseos, e os xuízos sumarísimos. Vítimas deles, aparecerán nas cunetas, nos campos e nas aforas da cidade os cadáveres de medio centenar de persoas. Para moitos, tras a guerra comezará un longo proceso de represión, afastamento, sufrimento ou emigración.

Ata o fin da ditadura, o servizo de augas non vai sufrir a penas modificacións. Haberá que agardar a chegada da democracia para ver executadas dúas grandes obras: a construción do bombeo de Monte Porreiro (1981) e a edificación da nova estación de tratamento de auga potable (1989), traballos que incrementarán notabelmente a capacidade subministradora de auga á cidade.

O 1 de xaneiro de 1991, o Excmo. Concello de Pontevedra adxudica mediante concerto o Servizo de Augas á empresa Aquagest.

Por esa data, o estado da rede de abastecemento dispón de dúas fontes principais de subministración: o encoro do Pontillón do Castro e do propio río Lérez, desde onde a auga é impulsada cara á estación de tratamento de auga potábel. Dende esta, o líquido distribúese xa tratado cara aos principais depósitos: o da propia estación depuradora, o do Lérez, o de San Amaro e o do Castelo.

Por acordo plenario da Corporación municipal, o 28 de xaneiro de 1996 Aquagest faise cargo do ciclo integral da auga en Pontevedra.

A empresa acomete importantes obras de mellora, como a construción da rede arterial de abastecemento de auga potábel (1998), a rede de saneamento e estación de bombeo da Xunqueira do Lérez, a estación de bombeo de augas residuais do Burgo (2001), a construción da fonte “Boa Vila” na glorieta de Compostela (2002), o bombeo e colector da Xunqueira de Alba ou a eliminación de verteduras á ría de Pontevedra (2006).

 

 

 

 

 

 

Agradecementos: Aquagest, Deputación Provincial de Pontevedra, Museo de Pontevedra, Arquivo Municipal de Pontevedra, Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, Diario de Pontevedra.

 

Agás das citadas fontes, para a elaboración deste proxecto foron consultadas as obras bibliográficas e documentais dos seguintes autores: D. Ángel Rodríguez Gallardo, D. Antonio de la Peña Santos, D. Antonio Rodríguez Fraiz, D. Benito Varela Jacome, D. Eduardo Rodríguez Saiz, D. Enrique Sotelo Resurrección, D. Fernando López Alsina, D. Francisco López Barxas, D. José Ángel Rey Caiña, D. Juan Juega Puig, Dna. Margarita Veiga Villaverde, Dna. María Cristina Echave Durán, Dna. María Jesús Fortes Alén, Dna. María Teresa Núñez Fírvida, Dna. Paula Monteagudo Diz, D. Prudencio Landín Tobío, D. Ramiro Barros Justo, D. Ramón Muñiz de las Cuevas, D. Santiago Santos Castroviejo, Dna. Silvia González Soutelo, D. Xosé Álvarez Castro, D. Xosé Antón Armas Castro, D. Xosé Carlos Valle Pérez, D. Xosé Manuel Pereira Fernández, D. Xosé Filgueira Valverde.

 

A meirande parte das imaxes foron amablemente facilitadas polo Museo de Pontevedra, o Arquivo Municipal de Pontevedra e o Diario de Pontevedra. Así mesmo, outras tantas foron extraídas do libro Pontevedra, Villa amurallada, de Juan Juega Puig, Antonio de la Peña Santos e Enrique Sotelo Resurrección. Deputación Provincial de Pontevedra, Servizo de Publicacións, 1995

 

O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 18.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 16.09.2011 polo Concello de Pontevedra.