Pontevédrate...

Paio Gómez Chariño, trobador e almirante do mar, ten a súa sepultura na Igrexa de San Francisco

Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra conta con seis edificios na cidade: os edificios Castro Monteagudo e García Flórez, o edificio Sarmiento, o edificio Fernández López, as Ruinas de San Domingos e o novo edificio, coñecido como "Sexto edificio".

Esta institución nace como consecuencia da intensa e activa vida cultural da que estaba impregnada a sociedade pontevedresa a finais do século XIX e principios do XX. A Deputación Provincial, en colaboración cos membros da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, funda o Padroado do Museo en 1927. Hoxe, está considerado un dos mellores do Estado Español.

Do conxunto de edificios que compoñen o Museo, son os principais as casas barrocas de Castro Monteagudo e de García Flórez, claros exemplos da arquitectura civil urbana do século XVIII, unidos a mediados do século XX por un arco. Completan o Museo o Edificio Sarmiento, que foi antigamente convento dos xesuítas (anexo á Igrexa de San Bartolomeu), as ábsidas góticas das Ruínas de San Domingos e o moderno edificio custeado por José Fernández López a mediados da década dos sesenta e logo ampliado. Declarado monumento histórico-artístico en 1962, destaca pola riqueza e diversidade dos seus fondos nos que atopamos pezas e documentos que van desde a Prehistoria ata a actualidade. Destacan as coleccións de arqueoloxía galega (especialmente as da Idade do Bronce, a orfebraría prehistórica e o castrexo-romano e a epigrafía romana), as de acibeches composteláns (a máis numerosa de España), a cerámica popular galega e a de Sargadelos.

Dentro da historia marítima, o Gremio de Mareantes e os grandes navegantes e mariños pontevedreses (coma os irmáns Nodales ou Pedro Sarmiento de Gamboa) ocupan unha parte destacada no Museo. Pero o espazo máis importante é o comprendido polas tres salas dedicadas ao contraalmirante pontevedrés Casto Méndez Núñez, especialmente a que reproduce unha das cámaras da fragata Numancia na que el viaxou.

Escultura e pintura tamén están presentes, e así destaca sobre todo a obra case completa de Castelao , un dos fundadores do Museo.

Actualmente está a piques de inaugurarse o seu edificio máis extenso, un gran contentor cultural ubicado tras o Convento de San Bartolomeu.

www.museo.depo.es
 

O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 14.08.2018 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.10.2009 polo Concello de Pontevedra.