Pontevédrate...

A fonte da Ferraría foi construída no século XVI seguindo o modelo de chafariz portugués, por Domingos Fernández e Joao Lopes

Algúns datos básicos

Pontevedra é unha cidade de máis 80.000 habitantes, capital da súa provincia (950.000 habitantes) homónima. Está situada no centro das Rías Baixas, en Galiza, mesmo na desembocadura do río Lérez, que a circunda para despois formar a Ría de Pontevedra.

Orixe

A orixe da cidade estivo sempre relacionada coa súa situación estratéxica, tanto nas primeiras vías romanas como posteriormente na rota medieval do Camiño Portugués a Compostela. As pontes son os elementos máis significativos da historia da cidade, tanto a do Burgo, na capital, como a de Ponte Sampaio, no sur.

Poboación e parroquias

A maior parte da poboación municipal vive no centro urbano, se ben unha parte importante está distribuída polas 15 parroquias que a circundan, dúas delas mirando á ría de Vigo, no sur: Ponte Sampaio e Canicouva. No norte están as parroquias de Campañó, Alba, Cerponzóns, Verducido, Santa María e San André de Xeve, ademais de Lérez, practicamente inserida no centro urbano.

Cara ao leste atópanse Mourente, Bora e Marcón, e cara ao sur miran Tomeza, Salcedo e Lourizán.

Comarca

A cidade lidera unha área comarcal de 121.000 habitantes, e é o centro de diversas iniciativas comarcais relacionadas coa planificación estratéxica, o desenvolvemento rural, a promoción do turismo, a xestión de augas, o transporte público, etc. Os concellos que forman parte da Área Territorial Urbana (ATUP) son Poio, Marín, Vilaboa e Pontevedra, aos que se unen Barro, Cotobade, Campo Lameiro, Pontecaldelas e A Lama para algunhas iniciativas conxuntas.

As comunicacións

A cidade atópase en pleno centro do Eixo Atlántico, entre os polos urbanos de Vigo e Vilagarcía. Está comunicada coa autoestrada AP-9, que percorre Galiza de norte a sur e atópase a 30 km do aeroporto de Vigo e a 60 do de Santiago. Por mar, comunícase a través do Porto de Marín Pontevedra, situado a 3 km do centro urbano e das principais vías de comunicación.

A cidade galega que máis medra

Desde 1999, Pontevedra medra en poboación unha media de preto de 1.000 persoas por ano, e é a primeira cidade galega en crecemento. Normalmente, a cidade ofrece a taxa de desemprego urbano máis baixa de Galiza, a poboación urbana máis nova de Galiza, a taxa de cidadáns urbanos que menos emigran do país e o maior índice de natalidade urbana.

O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 25.03.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 27.09.2009 polo Concello de Pontevedra.