Inicio Pontevédrate Centro histórico

Centro histórico

O Centro Histórico é o corazón de Pontevedra, o lugar no que teñen lugar a maioría dos acontecementos sociais e o principal escenario patrimonial e histórico da urbe. Está considerado Patrimonio Histórico Artístico do Estado e tense por un dos mellor conservados de Galiza.

En 1999 comezou a súa revitalización grazas a un decreto municipal que decidiu a súa peonalización, pois antes as súas rúas estaban invadidas polos automóbiles. Iniciábase así un proceso de restauración dos espazos públicos que hoxe continúa coas últimas rúas e prazas que quedan sen acondicionar aos novos tempos.

A práctica totalidade do centro histórico ten canalizacións de fibra óptica, gas natural, e renovadas todas as redes de conduccións básicas.

A economía e a vitalidade desta área urbana susténtase nos servizos comerciais, de hostelería e hospedaxe, así como diversas sedes administrativas como a Rectoría da Universidade de Vigo, o Consello Regulador da DO Rías Baixas, Facenda do Estado, a sede sindical da cidade, diversos colexio profesionais, o Mercado Municipal, centros de negocios e empresas de servizos e a sede de Turismo Rías Baixas. Tamén ocupa un importante área o complexo de 6 edificios do Museo de Pontevedra, en torno ás rúas Pasantería e Sarmiento. Ademáis do Teatro Principal, no Centro Histórico están as sedes centrais de duas importantes entidades sociais pontevedresas: o Liceo Casino e o Círculo Mercantil.

En canto ao patrimonio relixioso ten tres centros de interés: a Real Basílica de Santa María, a Igrexa de Santo Domingo e a de San Bartolomé, que misturan a súa aportación monumental con edificios emblemáticos como o Pazo Mugartegui, a Casa das Campás, o Parador Casa do Barón, ou a maioría dos que conforman o Museo de Pontevedra, así como edificios de corte pacego urbano.

O Centro Histórico está atravesado polo Camiño Portugués a Compostela, que entra desde a praza da Peregrina pola antiga Porta de Trabancas, enfiando Soportais, a praza Curros Enríquez e a Rúa Real, para desembocar na zona dos vellos peiraos na Ponte do Burgo.

Precisamente a zona de confluencia do Centro Histórico co Río Lérez, está pendente de ser musealizada cunha nova acción para convertir en visitables os achádegos que se atoparon nas escavacións de reforma da Praza de Valentín García Escudero.

As súas animadas praciñas apórtanlle un engado moi persoal ao Centro Histórico. Destacan polo seu simbolismo as da Ferraría e A Leña, se ben nos últimos tempos fóron recuperadas con éxito as da Verdura, Méndez Núñez, Curros Enríquez, García de la Riega e A Pedreira. Tamén gozan dun grande engado a do Teucro —mítico fundador da cidade— e a dos Peiraos.