Inicio Áreas Promoción económica Mercado Municipal

Mercado Municipal

Reformado no ano 2003 polo arquitecto César Portela tras máis de medio século de funcionamento, o mercado de abastos sitúase na marxe do río Lérez, nun espazo onde ten lugar unha importante concentración da actividade comercial.

O edificio destaca, ademais de polo seu singular valor histórico, pola súa completa e variada oferta de produtos de alimentación de extraordinaria calidade que vai desde peixerías, carnicerías, chacinarías, conxelados, froiterías e venda de verduras e hortalizas. Igualmente, dispón de postos de venda de frores, panadaría, quioscos, xoiería, mercerías, productos ecolóxicos, ultramarinos e dúas cafetarías.

Na actualidade, a praza de abastos constitúe o principal elemento dinamizador do comercio no centro histórico, especialmente pola súa gran capacidade de atracción de clientes.

Coa finalidade de ampliar e diversificar a oferta de negocio existente, leváronse a cabo importantes actuacións arquitectónicas, que transformaron o mercado nun moderno e completo edificio.

As novas instalacións están dotadas dos últimos avances do sector e non se escatimaron esforzos para acadar o mellor servizo e a satisfacción dos usuarios. E todo isto cun único obxetivo: converter a praza de abastos nun dos mercados mellor situado e máis competitivo das cidades galegas.

Estas obras e traballos de acondicionamento supuxeron unha inversión superior aos nove millóns de euros, financiados maioritariamente polo Plano Europeo Urban e por fondos propios do Concello de Pontevedra.

Os consumidores atopan aquí unha combinación única de produtos frescos e de calidade, a prezos moi accesíbeis. Outras vantaxes son a existencia dunha lonxa de venda directa de pescados e mariscos, así como dun aparcadoiro soterrado con 225 prazas.

Todos estes aspectos fan que o mercado de abastos sexa un referente na vida social de todos os cidadáns.

Outros servizos do mercado

  • Cargadoiro
  • Acceso para minusválidos
  • Aparcadoiro público