Está ubicado na parroquia de Verducido, ao norte do territorio municipal. Desprégase darredor do embalse do Pontillón do Castro, unha infraestructura hídrica do sistema de abastecemento de augas da capital, e donde tamén se asenta o importante centro deportivo especializado en piragüismo, unha instalación de referencia no Estado Español.
Tamén inclúe o outeiro do Castro, un mato anexo coroado por unha interesante escultura xigante, realizada en homenaxe aos canteiros da zona.
Dispón de tres sendeiros moi aptos para o paseo tranquilo e reparador, nun entorno bastante relaxante:
- O do Embalse, de máis de 1 km de lonxitude, salpicado de pequenas terrazas sobre a auga e espazos para a pesca sen morte. Parte da instalación deportiva e chega á estrada da presa do Pontillón, unha obra de enxeñaría construída a mediados do século pasado.
- O da presa, unha pequena senda que decorre o mato existente entre a instalación deportiva e a presa, que moita xente utiliza para contemplar as probas deportivas
- O do Castro, un conxunto de sendas que percorren os bosques deste monte arrodeado polo río Rons e no que máis abaixo se asenta a poboación de Verducido. Os camiños de paseo chegan ate a cima do monte, donde se ubica a escultura de homenaxe aos canteiros.
Nos arredores da estrada que une Barro con Santa María e Santo André de Xeve existe unha zona de esparcemento, con parque infantil e un área de merendas, ademáis de varias plataformas para aparcar automóbiles.
Á metade do percorrido da senda do embalse existe un rocódromo de aire libre, se ben para utilizalo é preciso estar federado.
O do Pontillón do Castro foi o primeiro parque desenvolvido no marco da iniciativa Monte Vivo, un plan que serviu para restaurar numerosos espazos forestais afectados pola vaga de incendios de 2006.