Igualdade adía ao vindeiro martes 16 o graffiti reivindicativo da artista urbana Sax polo 8M por mor das malas previsións meteorolóxicas

12
  • A artista Sax, en colaboración con Urban Culture Factory, será a encargada de realizar esta intervención, inspirada no cartel deseñado por Maru Astray para a campaña do Concello
  • A peza mural terá como ‘lenzo’ un muro de 10 x 2 metros situado na rúa Castelao. O traballo artístico dará comezo en torno ás 11:00 horas e estará completamente rematado esa mesma tarde

Aínda que a súa realización estaba contemplada inicialmente para o 11 de marzo, a Concellería de Igualdade decidiu adiar ao martes da vindeira semana o graffiti reivindicativo programado polo 8M ante as malas previsións meteorolóxicas que hai para a xornada do xoves. A intervención artística será executada o martes 16 de marzo pola artista viguesa Sax, en colaboración coa firma pontevedresa Urban Culture Factory, nun muro de 10 x 2 metros situado na céntrica rúa Castelao, iniciando os traballos ás 11:00 horas e estando previsto o seu remate para esa mesma tarde.

Tal e como sinala a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “a graffiteira Sax, que é unha das artistas máis veteranas neste campo dominado maioritariamente por homes, comezou na súa adolescencia a crear bosquexos que posteriormente foi plasmando en diversas paredes”. “É sen dúbida un referente feminino neste ámbito, cun estilo marcado ademais polo uso de cores, texturas e temáticas que fan alusión ao feminismo. Xa tiven ocasión de ver o bosquexo do graffiti e é unha verdadeira marabilla”, subliña a edil socialista.

Yoya Blanco quere agradecer tamén “a implicación, unha vez máis, da Urban Culture Factory con este Concello e con Pontevedra, xa que dende a súa fundación en 2020 está a apostar de xeito decidido pola arte urbana e buscando a rexeneración e dignificación dos espazos públicos e simbólicos da identidade cultural”. “Entre os seus obxectivos inclúese precisamente o de dedicarse á consolidación e desenvolvemento de artistas mediante ‘campañas muralísticas’ onde se retrata a identidade dunha cultura dos muros. Este graffiti do 8M será un berro reivindicativo de tódalas mulleres e unha homenaxe ás mulleres artistas e á arte feminina”, avanza a concelleira de Igualdade.