As palmeiras dos Xardíns de Vincenti prepáranse para unha sesión primaveral de ‘perruquería’

27
  • Desenvolvemento Sostible destina 10.000 euros á realización dos traballos de poda, que serán executados polo enxeñeiro técnico forestal e experto en arboricultura Eduardo Penedo Padín
  • Iván Puentes sinala que as actuacións inclúen a revisión e substitución dos sistemas de ancoraxe de dalgunhas árbores senlleiras situadas no parque pontevedrés, entre elas un tilo de gran porte

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural prepárase para executar traballos de poda e posta a punto nas palmeiras dos Xardíns de Vincenti, o contorno de Vila Pilar e a Praza de España. O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes destinou un orzamento duns 10.000 € a esta sesión primaveral de ‘perruquería’, que levará a cabo a firma do enxeñeiro técnico forestal e especialista en arboricultura Eduardo Penedo Padín.

Segundo indica Puentes, os traballos de poda darán comezo “de xeito inminente” e levaranse a cabo nunha trintena de palmeiras, “empregando un camión-guindastre dotado dun cesto para operar en altura”. Ademais de cortar as pólas das dúas liñas de exemplares que presiden o paseo principal do parque das Palmeiras, as actuacións estenderanse á agrupación de washingtonias emprazada nas inmediacións de Vila Pilar e a outra illada na Praza de España.

“A intervención tamén contempla a poda dun tilo de gran porte e a revisión e substitución dos sistemas de ancoraxe desta e doutras árbores senlleiras situadas nos Xardíns de Vincenti, coa axeitada retirada e tratamento dos restos”, apunta o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.

En opinión de Iván Puentes, “nun contexto no que tódalas zonas verdes de Galicia que posuían palmeiras foron arrasadas polos ataques da praga do picudo vermello, os esforzos efectuados polo Concello están a dar os seus froitos nun dos principais parques históricos do centro da cidade e, grazas a eles, podemos seguir presumindo duns exemplares saudables e de grande beleza”. Non obstante, a empresa especializada en control de pragas Galides SL acometeu hai uns meses, coa axuda dun camión-guindastre cun brazo extensible (que podía acadar os 50 metros de altura), unha serie de tratamentos fitosanitarios e unha exhaustiva revisión das palmeiras para garantir que todas continuaban sas e sen presenza do problemático verme.

“As palmeiras canarias dos Xardíns de Vincenti son uns dos exemplares vexetais de maior valor histórico, sentimental e ornamental da cidade, xa que pertencen á época de creación dos grandes espazos verdes do centro urbano a partir de mediados do século XIX e da construción de grandes edificios públicos como a Casa Consistorial ou o Pazo Provincial. A súa lonxevidade centenaria, singularidade e impoñente porte convértenas nunha prioridade para o Servizo de Parques e Xardíns”, subliña o concelleiro Iván Puentes.

No que atinxe ás árbores senlleiras dos Xardíns de Vincenti, o propio Eduardo Penedo Padín desenvolveu a finais do ano pasado unha serie de traballos para a conservación e protección de catro cedros do Himalaia, un proxecto ao que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural destinou un orzamento de case 10.000 euros e que contou cunha subvención de 4.000 euros da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta (ao formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras elaborado pola Consellería de Medio Ambiente para 2020).